Thursday 09 de May de 2024

As persoas gañadoras do II Concurso de Embelecemento de Balcóns e Fachadas xa contan co seu premio


A concelleira da Promoción Económica, Charo Varela (Nós Pobra), fixo entrega nesta xornada dos premios ás persoas gañadoras da segunda edición do Concurso de Embelecemento de Balcóns e Fachadas, concibido co obxectivo de incentiva-la participación da veciñanza na ornamentación dos seus balcóns e fachadas, contribuíndo a incrementa-lo carácter vistoso das rúas nunhas datas tan sinaladas.

A dita recompensa consiste en cadansúa cesta do Nadal valorada en 300 euros e composta de produto local, axudando tamén á dinamización e posta en valor do comercio de proximidade.

No 22 de decembro déronse a coñece-las vivendas gañadoras desta convocatoria, a cal contou coa participación de 30 fogares con representación de tódalas parroquias do termo municipal. O xurado, constituído por representantes do tecido asociativo local e de empresas relacionadas coa ornamentación, decidiu que as distincións recaesen nunha vivenda situada no lugar da Pontenaveira (Santa María a Antiga do Caramiñal), noutra da rúa do Castelo (Santiago do Deán), nunha na Mercé (Santo Isidro de Posmarcos), nunha vivenda do lugar de Tarrío (Santa Cruz de Lesón) e noutra na rúa Areos (Santa María do Xobre).

Cómpre lembrar que a decoración de tódolos fogares inscritos deberá permanecer ata o día 6 de xaneiro, inclusive, tal e como se estipula nas bases.